O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este luns un encontro con membros da Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo (Aprevar), así como co seu Presidente, Luís Abelleira Mayor, para informar sobre unha nova colaboración do Goberno Provincial de 40.000 euros.
Estes fondos súmanse ás axudas por valor de 125.000 euros que xa lle concedera a Deputación a dito colectivo, para a compra das súas instalacións, de máis de 2.500 m2. Trátase dun colectivo que conta con máis de 530 empresas asociados, representando, polo tanto, a máis do 80% do sector da automoción da provincia de Lugo. Este fondos permitirán dotar de novo equipamento e maquinaria aos cursos de formación sobre nova tecnoloxía que ofrecen durante todo o ano aos máis de 130 alumnos cos que contan, así como asumir os gastos de funcionamento das amplas instalacións que posúe o colectivo no Polígono Industrial da Campiña, en Lugo.
Campos Conde destacou que “con este novo acordo, impulsamos a actividade que leva realizado dende máis de 40 anos Aprevar, xa consolidada como unha gran organización empresarial na provincia, e ao mesmo tempo apoiamos un sector fundamental, como é o automobilístico, que dá traballo a 2.000 familias lucenses. Sen dúbida, dende o Goberno da Deputación, continuaremos a traballar co tecido asociativo automobilístico da provincia, co obxectivo de acadar profesionais cun amplo coñecemento sobre o comercio multisectorial, é dicir, tanto automobilístico como de maquinaria agrícola, nun sector en continuo crecemento, pois no último ano, aumentaron as ventas deste tipo de vehículos nun 5%, con respecto ao 2016”.
Pola súa parte, Abelleira Mayor agradeceu a colaboración e o apoio da Deputación e subliñou que “a asociación ten como obxectivo prioritario seguir defendendo os intereses e dereitos de todos os axentes implicados no sector da automoción lucense, ao tempo que formamos e profesionalizamos a máis persoas, co fin de cubrir as necesidades de persoal cualificado que solicita na actualidade o mercado”.