O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou hoxe o I Foro do Tenis Galego que se desenvolve na provincia de Lugo, reunindo a destacados xogadores, adestradores, médicos ou presidentes das federacións e clubs de tenis de España. O organismo provincial organizou esta iniciativa a través da Federación Galega de Tenis, contando, ademais, coa colaboración do Concello de Lugo. Deste xeito, no acto de inauguración estiveron José Antonio Pereiro Rodríguez, Presidente da Federación Galega de Tenis, e Miguel Fernández, Concelleiro de Deportes. Tamén quixo sumarse Marta Míguez Tellez, Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, administración que non colaborou con este evento.
Máis de 150 persoas de toda a provincia se inscribiron no foro, que o Goberno da Deputación lles ofreceu de xeito totalmente gratuíto, facendo, ademais, que, por primeira vez, a provincia de Lugo acollese unha iniciativa desta magnitude. Pois contou coa participación de ex xogadores como Alberto Berasategui, Javier Sánchez Vicario, o lucense Óscar Burrieza ou co xefe dos servizos médicos da RFET e médico persoal de Rafael Nadal, Ángel Ruiz Cotorro, entre outros moitos profesionais. Tras as ponencias que se celebraron no salón de actos do Pazo de San Marcos durante a mañá, tiveron lugar, xa pola tarde, as exhibicións de tenis no Club Deportivo D10, contando coa participación de deportistas da primeira liña do tenis mundial.
Campos Conde subliñou que “para nós é un orgullo ter a profesionais desta talla hoxe na nosa provincia, concretamente na capital lucense, con motivo desta xornada que organizamos dende o Goberno da Deputación -contando co apoio do Concello de Lugo e da Federación Galega de Tenis- para achegar o mundo do tenis a todos os nosos veciños. Ao longo do noso territorio contamos con 15 clubs de tenis e unha importante canteira de novas promesas nas que temos depositada toda a nosa confianza. Oxalá algún día poidamos velos no ránking ATP, incluso
mellorando a marca do noso veciño Óscar Burrieza, que no seu día alcanzou o posto 126 do mundo”, subliñou.