O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Alcalde de A Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra, participaron este domingo na IX edición da Festa da Bola de Liscos e das Freces do municipio mariñán. O organismo provincial colabora cunha achega de 3.000 euros para a organización deste evento, co que contribúe a impulsar a economía local a través da gastronomía, mediante a posta en valor de produtos autóctonos.
Campos Conde subliñou que “con este tipo de iniciativas tamén impulsamos o sector da hostalería, do comercio ou da artesanía local no rural, onde hai que loitar contra o despoboamento impulsando os seus factores diferenciais. A Festa da Bola de Liscos e das Freces atrae ano tras ano a centos de visitantes, o que supón un importante estímulo económico para o Concello de A Pastoriza”.
1.000 racións vendidas
A festa deu comezo ás 11:00 horas, cando se comezaron a vender as primeiras bolas de liscos e, pouco despois, puxéronse á venda as freces, feitas in situ. A partir das 13.30 horas comezáronse a servir as racións, cun prezo de 8 euros/persoa na carpa habilitada na Praza de Bretoña. En total vendéronse entorno a 1.000 racións, incluíndo no prezo unha cunca de barro de recordo. Ao longo do día houbo postos de artesanía e música.