A Capela de Santa María acollerá, do 3 ao 24 de marzo, as cinco actuacións musicais que forman parte do MusicAD, o programa da Deputación para impulsar o folk galego e que se ofrecen de xeito gratuito. Entre os músicos que tocarán atópanse artistas de renome como Xabíer Díaz e as Adufeiras, Carme Penín ou Donal Lunny, que chegou a actuar con Mark Knopfler.
A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, presentou este luns esta nova programación musical que contempla 5 actuacións musicais. García Porto avanzou que participarán nesta programación “Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre presentando o seu último proxecto; Carme Penín co seu espectáculo Herdeiras; os lucenses Tango en Xanx3iro; Os d´abaixo que presentan o seu segundo traballo; e por último Triad con Dónal Lunny ao fronte que actuou con artistas tan relevantes como Mark Knopfler”.
A Deputada explicou que “dende o Goberno da Deputación apostamos por este tipo de actividades coas que achegamos de xeito gratuíto unha programación musical de primeiro nivel a todos os lucenses, promovendo e difundindo o traballo dos artistas galegos. Ademais, con este tipo de iniciativas lúdico-culturais dinamizamos a vida social e cultural na cidade”.
Todos os concertos terán lugar na Sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. As entradas, que son totalmente gratuítas, poderanse recoller na propia Capela de Santa María. Máis información: www.deputacionlugo.org ou 982 21 00 66.