A Deputación de Lugo impulsa a primeira comisión provincial de transparencia de Galicia. Esta mañá a Xunta de Goberno do ente provincial aprobaba o nomeamento dos membros que constituirán dita comisión.
Estará composta por un alcalde dun concello de menos de 10.000 habitantes, que resultou ser José María López Rancaño, rexedor de Abadín; por un dun municipio de máis de 10.000 habitantes, que é José Tomé Roca, alcalde de Monforte; así como polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde; e dous técnicos provinciais.
Segundo o voceiro provincial socialista, Álvaro Santos, ditos membros “foron elixidos democraticamente, nunha votación na que participaron os 41 rexedores dos concellos lugueses de todas as cores políticas, que se sumaron de xeito voluntario ao portal de transparencia da Deputación“.
O voceiro sinalou que nos vindeiros días terá lugar a primeira xuntanza da comisión para continuar coa redacción do Código de Bo Goberno da Deputación de Lugo, que xa está “moi avanzado”; elaborar o regulamento de Participación Cidadá e Transparencia da Deputación, que será o primeiro dun organismo provincial en Galicia; e redactar a proposta de Ordenanza de Transparencia para o Concellos da provincia de Lugo.