O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, informou este martes sobre taxas municipais ás eléctricas polo uso de dominio público.
Fíxoo nunha xornada informativa no Pazo de San Marcos e na que participaron alcaldes e representantes municipais de máis de 50 Concellos. Na sesión, afondouse sobre a posibilidade de aplicar un canon municipal ás compañías enerxéticas que utilizan terreos públicos para a instalación tanto de canalizacións como de tendidos eléctricos. Na xornada, participou tamén un bufete de avogados experto nesta materia.
Fernández Queipo informou que “dende o departamento de Cooperación cos Concellos, buscamos poñer á disposición dos municipios da provincia de Lugo toda a información para poder iniciar se é posible os procesos e trámites necesarios para poder facer efectivo dito gravame”.
Ditas sentenzas emitidas polo Supremo avalan o cálculo das tarifas da taxa de acordo cun estudo técnico-económico onde se empregan como criterios para obter o seu valor a suma do valor catastral do solo rústico con construcións co valor das instalacións, e a base impoñíbel é resultado de multiplicar ese valor do inmóbel ao coeficiente de relación co mercado e a ocupación en metro cadrado que corresponde a cada metro lineal.
Así, a cota a pagar sitúase entre 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalacións de transporte eléctrico, segundo o tipo de tensión –baixa, media ou alta- e no que atinxe ás de transporte de gas, oscila entre os 500 e os 4.000 euros.