O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, avanzou este venres que o Goberno Provincial vén de ingresar 2,2 millóns de euros aos Concellos para xerar novos postos de traballo a través do Depuemprego, o plan de emprego da Deputación nos municipios de menos de 20.000 habitantes. Este orzamento correspóndese co anticipo do 90% que o Executivo Provincial decidiu ofrecer aos municipios para axilizar a contratación de novo persoal co que reforzar os servizos locais aos veciños.
Son 55 os Concellos que o solicitaron e aos que lles foi ingresada a súa correspondente achega, coa que financiar todos os gastos laborais dos novos traballadores. Campos Conde fixo este anuncio durante unha visita ao Concello de Trabada, no que estivo acompañado polo Deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e pola alcaldesa, Mayra García Bermúdez.
O titular provincial adiantou que a Deputación xa está a recibir as bases dos procesos de selección de traballadores, que levan a cabo os Concellos. Son 23 os municipios que teñen en marcha a selección de persoal para un total de 68 novos empregos, que lles financia na súa totalidade a Deputación. Un destes Concellos é o de Trabada.
Ao respecto, a alcaldesa remarcou que “ata o 4 de novembro incluído, todos os interesados poden presentar no Consistorio a súa solicitude para concorrer a un posto de traballo como técnico deportivo, e ata o 2 de novembro para os de auxiliar administrativo e arquitecto técnico. Para o noso Concello son imprescindibles estes perfís laborais, pois a día de hoxe non podemos prestar aos veciños atención en materia urbanística, temos que recorrer ao servizo gratuíto que ofrece a Deputación a través da área de Cooperación cos Concellos; ao igual que tampouco podemos ofrecer atención no ximnasio onde non temos persoal.
Todo isto debido ás limitacións do Goberno Central que, a través da Lei de Presupostos Xerais do Estado, impide ás entidades locais celebrar procesos de selección de persoal municipal, coartando aos Concellos a prestación de servizos que queremos e temos que ofrecer aos nosos veciños para a súa calidade de vida”.