O Executivo da Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno iniciar con 1.237.000 euros a contratación das obras de mellora das estradas LU-P- 1901 de Navia de Suarna á Fonsagrada e da LU-5302 de San Clodio a Casares, en Ribas de Sil.
O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, explicou que desta cantidade se destina 1 millón de euros ás obras da vía que discorre dende Navia de Suarna á Fonsagrada. Actuarase nun treito de 3,6 quilómetros, no que se incrementará o ancho da vía ata os 6 metros, se mellorará o pavimento e se aumentará a sinalización. Segundo as valoracións técnicas, o conxunto deste traballos permitirán reducir nun 40% o tempo de traslado entre ambos os dous municipios da Montaña, que actualmente é dunha hora.
Doutra banda, son 237.000 os que o Executivo da Deputación destina ás melloras na vía de San Clodio a Casares, no Concello de Ribas de Sil. Os traballos se levarán a cabo nun treito de 5 quilómetros, nos que se arranxará o pavimento e se incrementará a sinalización. Estes traballos contribuirán á mellora dos accesos aos establecementos de produtores de aceite e cereixa, así como aos dos xacementos ouríferos desta zona do Sur da provincia.
Outros acordos
Santos Ramos informou sobre o remate de obras de mellora en estradas, traídas de auga, accesos e centros sociais de núcleos rurais de Taboada, Bóveda, Cervantes, Monterroso, Navia de Suarna e Lugo, que financiou o Goberno da Deputación con 180.000 euros. Por este motivo, a sesión acordou hoxe as contas xustificativas destes traballos.
Tamén aprobou ampliar o prazo de xustificación dos traballos de 390.000 euros que financia o Goberno da Deputación para construír un paseo peonil en Sargadelos; mellorar as pistas polideportivas públicas de Ourol e os seus accesos e rematar o acondicionamento da Ponte Casas do Río en Cervantes.