O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, supervisaron este xoves o inicio das primeiras actuacións de 836.000 euros, que o Goberno Provincial proxectou na Rede Museística para o seu acondicionamento e conservación.
Trátanse de traballos de mellora do pavimento da Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial, que conta con 284 metros cadrados, e do acondicionamento da ventá arqueolóxica que acolle este espazo. Son actuacións de case 3.000 euros.
Campos Conde tamén supervisou as salas Multiusos e dos Mosaicos do Museo Provincial onde o Goberno da Deputación contratou obras por valor de 20.000 euros para a reparación da cuberta, no caso da primeira, e do lucernario, na segunda. Estas actuacións están pendentes da concesión por parte do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia do permiso legal imprescindible para o seu inmediato inicio, sempre que as condicións climatolóxicas así o permitan.
Máis actuacións
O Executivo Provincial está a contratar (pois estanse a presentar ofertas) con preto de 73.600 euros (que é o prezo de licitación e, polo tanto, máximo) a desinsectación nos Museos de San Paio de Narla e Pazo de Tor. Son actuacións de conservación necesarias, que consisten na fumigación dos edificios, salas de exposición e coleccións. Estes traballos garantiren a eliminación de xilófagos, que son habituais na madeira, en todos os obxectos expostos, nos soportes expositivos e nas estruturas das edificacións; así como a conservación do conxunto das pezas, que suman 5.000 en San Paio de Narla e Pazo de Tor.
O Goberno da Deputación tamén está a contratar con 740.700 euros (que é o prezo máximo) o reforzo da vixilancia nos 4 museos da Rede Provincial ata finais de 2018. Con este servizo, o Executivo incrementa os vixilantes e as cámaras, ao tempo que pon en marcha unha prestación de “acuda”, que non existía, que implica a presenza inmediata de persoal de seguridade no momento en que se active unha alarma, sen esperar a chegada dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.