O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o Director de la Vuelta Ciclista a España 2016, Javier Guillén, e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron este mércores a 5ª etapa desta proba deportiva que ten como saída o concello viveirés.
O 24 de agosto terá lugar a saída neutralizada ás 13:10 horas dende o camping de Viveiro e continuará por Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Meira, Pol, Castro de Rei e Lugo. Campos Conde sinalou que o organismo provincial colabora neste evento deportivo cunha aportación económica de 55.000 euros e remarcou “que esta cifra é un investimento para promocionar o conxunto da provincia, pois a Vuelta transcorre as zonas norte, centro e sur da provincia”.
Ademais de ditos Concellos, outra das etapas sairá da cidade de Lugo e chegará ata Monforte de Lemos, atravesando máis municipios da provincia. O Presidente dixo que a volta ciclista España “será un escaparate único e especial, asi como unha oportunidade económica para toda a provincia de Lugo, coa que amosar as nosas paisaxes, o noso patrimonio cultural, arqueolóxico e artístico ou co que desfrutar da nosa apreciada gastronomía”.