O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia López, avanzou este mércores que foron 500.000 euros do Orzamento de 2016 os que o Goberno Provincial achegou ao municipio mindoniense co obxectivo de mellorar o conxunto dos servizos públicos aos 3.400 veciños.
Campos Conde e Candia López supervisaron algunhas das actuacións financiadas, comezando pola rehabilitación do casa do escritor Álvaro Cunqueiro. Trátase dun inmoble privado, que foi cedido temporalmente ao Concello e para o que os veciños demandan a súa titularidade pública para o seu desfrute, pois estase a arranxar con fondos públicos.
A continuación, o Presidente e a Alcaldesa comprobaron o resultado dos traballos executados en accesos viarios a 8 núcleos rurais de 5 parroquias, así como as melloras levadas a cabo nos alumeados públicos de 5 barrios. Este novo equipamento reducirá nun 80% a factura da luz anual, supoñendo un aforro de máis de 7.000 euros ás arcas municipais.
O Goberno da Deputación investiu en Mondoñedo outros 87.700 euros na mellora de servizos públicos en zonas rurais, favorecendo a actividade agrogandeira. Asemade, 84 maiores de Mondoñedo son atendidos polo programa de Servizo a Domicilio aos non dependentes e o de Teleasistencia gratuíta que o executivo provincial leva a cabo no municipio.
A alcaldesa non quixo pasar por alto “a importancia de investir tamén no complexo do miradoiro, tal e como o Pleno vén de solicitarlle por unanimidade”. Así pediu ao presidente provincial que vele pola mellora dunha infraestrutura da súa titularidade que, “a día de hoxe, non presenta o estado que debera. Agradecemos que o presidente tome nota desta reivindicación, que foi apoiada por todos os grupos con representación da Corporación no último Pleno, e que dea os primeiros pasos para ese mellor aproveitamento”, solicitou.