A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, acompañada polo Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, participou este xoves nun encontro cos alumnos do Colexio de Bretoña, no que lles presentou a exposición itinerante, que o organismo provincial levou a este centro educativo, a petición do propio municipio, para promocionar a Reserva da Biosfera. López Izquierdo explicou que o obxectivo desta iniciativa é promover entre os nenos o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico máis próximo.
A exposición itinerante consta de debuxos, fotografías e material audiovisual e esta enfocada ao alumnado, contén paneis informativos en educación ambiental, conservación e xestión do medio natural.
Con 363.669 hectáreas, Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia. É unha das máis extensas do estado. Abarca o 39% do territorio da provincia. E inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.