O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, xunto ao voceiro do PSOE na institución, Álvaro Santos Ramos, mantiveron hoxe un encontro con veciños dos 8 Concellos da Comarca de Lugo: Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade. Fíxoo na capital luguesa, nunha xuntanza informativa sobre os máis de 2,5 millóns de euros, que o Goberno Provincial do PSOE leva a estes municipios a través do Plan Único para reactivar a economía e impulsar os servizos públicos.
Campos Conde explicou “nas bases do Plan Único, establecemos que os investimentos debían representar como mínimo o 50% dos fondos co obxectivo de que esta programación supuxese un pulo para a economía lucense e que permitise a mellora de prestacións públicas aos nosos veciños. E fixémolo, tendo en conta a evidente falta de recursos na nosa provincia por parte do Partido Popular dende a Xunta, cando é a principal administración galega e a de maiores fondos públicos”.
“Superamos esta porcentaxe ata acadar o 77% na Comarca de Lugo, pois son máis de 1,9 millóns de euros os que dende o Goberno do PSOE na Deputación achegamos á execución nos 8 Concellos de 28 obras de mellora que, na súa grande maioría, consisten no acondicionamento de accesos no rural”, concluíu.