O Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, informou este mediodía que o Goberno Provincial rematou 19 obras de mellora noutras tantas traídas de auga, accesos viarios e locais sociais de núcleos rurais de 15 municipios lugueses, ás que destinou 305.000 euros. Fernández Queipo explicou que en total o Executivo da Deputación executa 129 actuacións desta índole en localidades rurais de toda a provincia con 1,5 millóns de euros.
A Xunta de Goberno deste venres aprobou as contas xustificativas dos traballos rematados. “Estas obras son fundamentais para todos os lucenses que vivimos no rural e que necesitamos, coma todos, de servizos públicos de calidade para vivir nas nosas localidades. Se dende este Goberno da Deputación estamos a executar estas actuacións é porque a administración públicas coas competencias directas na materia non o fai. A Xunta fala da lexislatura do rural, pero non vemos que asome a cabeza”.
O Deputado explicou que estas 19 obras xa executadas, melloraron as dotacións públicas esenciais en concellos como A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Folgoso do Courel, Quiroga, Mondoñedo, O Incio ou Monterroso.
Noutro senso, o Goberno da Deputación resolveu a contratación de 4 desempregados lucenses que comezarán a traballar noutros tantos Concellos da provincia, a través do Ben Empregado 2 e 3: 1 camareiro en Castro de Rei, 1 peón no Saviñao, e dous técnicos forestais, 1 en Trabada e outro en Monforte de Lemos. O Deputado lembrou que continúa aberto ata o 18 de outubro o prazo para que empresas e colectivos sen ánimo de lucro da provincia soliciten as axudas do Ben Empregado 4!.