A Deputación mellorará as instalacións da única asociación de pensionistas de Chantada

O Deputado de Relación Institucionais, Álvaro Santos Ramos, mantivo esta tarde un encontro con membros da Asociación de Pensionistas El Enjambre, na sede que dispoñen no Concello de Chantada, e que se mellorará grazas á colaboración da Deputación. Son 14.000 euros da Deputación que servirán para dotar ao local social dun novo sistema de refrixeración e aire acondicionado, en beneficio dos máis de 200 membros deste colectivo de pensionistas. No acto de sinatura de dito convenio de colaboración participou ademais do Deputado, a Presidenta da Asociación, Mª Luz Varela Rodríguez. Trátase dunha obra moi necesaria pois, durante os meses de verán, as altas temperaturas impiden desenvolver con normalidade as actividades diarias que dito colectivo realiza.

Santos Ramos destacou que “decidimos colaborar con esta asociación debido á grande cantidade de pensionistas que día a día se achegan a este local social a desenvolver actividades gratuítas nas que poden participar calquera pensionista da asociación, indistintamente da súa renda”.

“Na Deputación estamos convencidos da necesidade de mellorar o día a día dos nosos maiores. Pero a pesares deste esforzo, é preciso que o Partido Popular dende Goberno Central poña fin a súa política de recortes no sistema público de pensións, co obxectivo principal de garantir unha calidade de vida mínima aos nosos maiores. As políticas de dereitas do PP condenan aos pensionistas a unha conxelación das súas retribucións, con aumentos ridícula como o do 0,25%, moi por debaixo da subida do IPC, implicando unha perdida do seu poder adquisitivo nos últimos 10 anos do 17,5%. Pero en Galicia, onde as pensións son as máis baixas do estado, a situación agrávase inda máis pois o aumento do IPC foi do 2,1%, facendo que perdan uns 200 euros só no durante este último ano”, apuntou.

“É por iso que os socialistas defendemos unha actualización das pensións que poña fin aos recortes do PP, na que se contemple, como mínimo, unha subida do 1,6% das mesmas”, destacou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com