O Goberno da Deputación organiza ata o 20 de febreiro xornadas de portas abertas para dar a coñecer e informar sobre o funcionamento das punteiras instalacións do que é o 1º Centro de Recría de Gando Vacún público en España, que construíu en solitario con máis de 10 millóns de euros. Todas as firmas interesadas poden solicitar unha visita a través do e-mail contratacion@deputacionlugo.ocom ou no teléfono 982 260 066.
Con esta iniciativa, os posibles licitadores interesados na concesión deste servizo poderán coñecer in situ o Centro, guiados por técnicos provinciais os encargados de conducir as xornadas de portas abertas e informar e resolver todas as dúbidas ao respecto do funcionamento do Centro de Recría, así como as relacionadas coa concorrencia ao proceso público de concesión de servizos.
As empresas, cooperativas e entidades poden presentar as súas propostas ata o 20 de febreiro. A licitación concederase por un período de 15 anos prorrogables e a Deputación poñerá a disposición do licitador unhas instalacións valoradas en 15,9 millóns de euros, que inclúen 15 naves -13 delas de nova construción-, unha área de boxes para as crías e unha planta de biogás que subministrará enerxía ao Centro, ademais dos terreos, que suman en total 182 hectáreas.
Compre remarcar que o modelo de xestión do centro de recría, baseado na concesión de servizos, implica o control público por parte da Deputación, que exercerá o control directo do Centro de Recría para facer cumprir todas e cada unha das cláusulas que se recollen nos pregos. Por exemplo, a concesionaria deberá respectar os prezos de recría, que terán que ser máis vantaxosos que os do mercado. No caso de incumprimentos, a institución poderá aplicar sancións e ata rescindir a concesión do servizo.
Obras por valor de 300.000 euros
Actualmente, o Goberno da Deputación ten en marcha o proceso de contratación de melloras nas instalacións, propostas por unha Comisión Técnica, da que forman parte reputados expertos como Francisco Sineiro e Eduardo Yus.
Estas melloras consisten en facer cubertas nos 6 corredores que hai entre os 200 boxes, onde se afincarán os animais dende que entran no centro, cuns 15 días, e ata, aproximadamente, os 6 meses, cando se trasladan ás 14 naves de recría.
Subliñar que son actuacións recomendadas, que non obrigatorias, pois estes corredores non están cubertos na maioría dos centros de recría. Con todo, as obras execútanse para favorecer o benestar animal, pois evitarase que as condicións climatolóxicas afecten aos exemplares.
As restantes recomendacións da Comisión Técnica, cuxa execución non é obrigatoria, terán que ser asumidas polo, finalmente, beneficiado/s do proceso de concesión de servizos, no caso de decidir levalas a cabo.