O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; ao Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luís Abelleira; e ao Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero Méndez, presentaron este mércores, o XII Criterium Aeronáutico 2017, que organiza o Real Aeroclub de Lugo e que se celebrará do 21 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega económica de 10.000 euros. O Concello de Lugo colabora con regalos e premios institucionais. O evento coincidirá ademais coa XXXIV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.
Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cun evento destas dimensións, que pola variedade e calidade das actividades que ofrece, conta cunha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante revulsivo económico, xa que reunirá a máis de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, pernoitando, comendo e mercando en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.
A Alcaldesa de Lugo, quen felicitou a Luis Abelleira polo recoñecemento da Cruz ao mérito, que vén de recibir a semana pasada pola traxectoria de 50 anos dedicado ao aeródromo de Rozas e á aviación deportiva, subliñou a oportunidade económica e promocional que supón este Criterium para Lugo. Así mesmo, puxo en valor o esforzo do Real Aeroclub por levar a cabo un ano máis esta cita, así como á Deputación por apostar por ela. Para rematar convidou á cidadanía a achegarse ao Criterium e desfrutar en familia desta alternativa lúdica deportiva como a visitar a cidade.
Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é “achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”, remarcou.