A Deputación patrocina a Volta ás Comarcas de Lugo

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde do Concello de A Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o Presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Múñiz Nieto, e o Presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, José María Seijas Fernández, presentaron este xoves a III edición da Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo. Fixérono acompañados polo exciclista profesional Ezequiel Mosquera Míguez, na Praza dos Fornos de A Pontenova, lugar de saída da segunda etapa deste desafío cicloturista.

O organismo provincial, cunha achega de 65.000 euros, é o principal patrocinador desta proba deportiva, consolidada como a única Volta Cicloturista por etapas desenvolvida en Galicia.

Campos Conde subliñou que “a Volta ás Comarcas é un excelente escaparate para a promoción da provincia pola cantidade de xente que consegue reunir e tamén pola súa difusión mediática. Cada ano incrementa o número de inscritos, posto que en 2015 foron 140 os participantes, en 2016 houbo 198 ciclistas e, nesta nova edición, esperase superar os 200 corredores chegados toda Galicia, pero tamén de lugares tan dispares como Ibiza, Cidade Real, Murcia, Valencia, Asturias, León ou Madrid. A estes hai que engadir os milleiros de afeccionados que seguen o desafío e que poderán coñecer as potencialidades da nosa provincia”.

Programación das etapas

A primeira etapa terá lugar o venres 26 de maio, os corredores sairán ás 11:00 horas da Praza Maior do Concello de Lugo e chegarán á Rúa das Escolas, no Concello de A Pontenova.

A segunda etapa disputarase o sábado 27 de maio con saída ás 10:00 horas dende a Praza dos Fornos de A Pontenova. O remate desta segunda etapa terá lugar na Praza do Concello de A Fonsagrada, completando unha distancia de 117,1 quilómetros.

Finalmente, a terceira etapa da Volta celebrarase o domingo 28 de Maio. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende a Praza do Concello de A Fonsagrada, e a meta estará situada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. En total os corredores realizarán 85,3 quilómetros de distancia.

Desafío Volta Júnior

O Desafío Volta Júnior nace como un complemento á Volta Ciclista ás Comarcas para involucrar a toda a poboación dos Concellos que son saída e chegada de cada etapa, especialmente, aos nenos e nenas de cada un deles. Na zona de chegada de cada etapa instalaranse uns circuítos de habilidade, destreza e velocidade onde os nenos e nenas poderán sentirse como profesionais, xa que dispoñerán da mesma infraestrutura, loxística e medios humanos que o resto de deportistas.

 Difusión audiovisual

Campos Conde informou que a TIC da Deputación foi a encargada de realizar o vídeo da presentación do percorrido da 3º edición do Desafío Volta a Lugo 2017. O audiovisual proxectouse durante o acto de presentación oficial diante dos fornos históricos da localidade mariñá. Ademais, a TIC difundirá o evento máis aló da súa celebración.

Para dito fin, un equipo da Fundación desprazarase os tres días que dura o evento ás comarcas polas que pasarán os itinerarios para gravar aos participantes e o desenvolvemento da proba a pé de ruta. O resultado do traballo editarase nun DVD que servirá de documento gráfico para a organización desta nova edición. Tamén se realizarán reportaxes que se publicarán nas redes sociais oficiais que habilitará o evento e da Fundación para a súa promoción.

O vídeo proxectado no día de hoxe ofrece información detallada con infografías en 3D do percorrido, datos e perfís técnicos de interese de cada unha das tres etapas, con saída e chegada en Lugo capital, na Pontenova e na Fonsagrada. Deste xeito, os corredores dispoñen de mapas, gráficos de desniveis, quilómetros dos itinerarios e información de interese para afrontar o desafío como avituallamentos, datas, lugares ou horarios do control de sinaturas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com