A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López, presentaron este xoves a XV Feira Tradicional Outrora, que se celebra o 14 de xullo na parroquia de Rubián, en Bóveda. O Goberno Provincial converteu á Deputación na principal patrocinadora deste cita, colaboran con 6.000 euros, unha demostración de forxa e unha actuación musical co Concello, que achega 3.000 euros. Á presentación, tamén se sumou o Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
López Izquierdo explicou que participarán 50 profesionais do sector artesanal, chegados de distintos puntos da xeografía galega, e que realizarán demostracións en vivo da talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, canteiría ou forxa. Tamén haberá unha recreación etnográfica da malla, unha exhibición de vehículos antigos; varias actuacións musicais a cargo da Banda de Gaitas e Percusión Cántigas e Frores e da Asociación Fiandeiras Bolboreta; actividades para os máis pequenos, como obradoiros ou xogos tradicionais; e unha degustación de isco no guizo. Noutras edicións, esta xornada reuniu a máis de 1.000 persoas.
Neste senso, a Deputada apuntou que “colaboramos con este evento dentro da nosa aposta por potenciar cada un dos recursos dos nosos Concellos como un valor diferencial que nos converten nunha provincia única, que cambia de recuncho a recuncho, e que é capaz de ofrecer unha oferta turística totalmente diferente. Precisamente, esta é unha das liñas de traballo que define o primeiro Plan Estratéxico de Turismo na provincia, totalmente participativo”.