Nun comunicado que emitiu hoxe a Deputación sobre as informacións que se van coñecendo do sumario da “Operación Polbo” o ente provincial subliña que “cumpre aclarar que este organismo provincial ten partidas para o seu funcionamento habitual, como son as de protocolo e que, de igual xeito, teñen todas as administracións públicas no Estado. Nelas inclúense gastos de subscripcións a periódicos; compra de Trofeos, Medallas de Ouro ou Pines (adquiridas en xoierías) para galardóns en competicións deportivas ou como distincións a recoñecidas personalidades de toda índole; compra de flores para condolencias da Corporación Provincial; ou mesmo para gastos derivados de visitas institucionais de autoridades e prestixiosos representantes de distintos organismos públicos á provincia de Lugo. Por exemplo, para a visita que realizaron os membros do Consello do Poder Xudicial á Ribeira Sacra coa Deputación de Lugo, entre outras moitas”.
O téxto tamén salienta que “a Deputación de Lugo sempre facilitou toda a documentación que pediu a xustiza”. E continúa “o organismo provincial nunca recibiu ningún auto o 14 de xullo de 2014 pois, tal e como afirman os medios de comunicación que recolle o sumario, este estaba baixo secreto sumarial, polo que é imposible acusar á Deputación de coñecelo ou recibilo e, polo tanto, de obstaculizar o traballo da xustiza. “Ao parecer, segundo apuntan os medios de comunicación que di o sumario, a xustiza emitiu este auto en mencionada data (14 de xullo de 2014) para permitir á Udef o requirimento á Deputación de Lugo de nova documentación nas propias dependencias provinciais. Así o fixeron o 30 de xullo de 2014, data na que o organismo provincial coñeceu a existencia do auto do 14 de xullo de 2014 e na que entregou toda a documentación que requiriu a xustiza, colaborando, como non pode ser doutro xeito, coa labor xudicial”. Remata.