O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Deputación acaba de pór en marcha a Central de Reservas para adquirir as entradas de xeito anticipado das Rutas Fluviais, que comezarán a funcionar a vindeira semana. Os interesados en adquirir os tíckets xa o poden facer na web www.reservas.rutasembalses.es. Máis información no teléfono 982260196 ou no correo catamaranes.turismo@deputacionlugo.org.
O venres, 18 de marzo, terá lugar en Doade o acto de inauguración de dúas das Rutas Fluviais, que son as que primeiro poñemos en marcha. Nel participarán profesionais do sector, tanto de Lugo como de Ourense, ademais de autoridades. A partir do sábado, 19 de febreiro, as rutas fluviais estarán xa a funcionar, coincidindo, ademais, coa celebración da Semana Santa
Santos explicou que as rutas dispoñibles son: a do Canón do Sil, cuxo percorrido é Doade-Mosteiro de Santa Cristinta-Doade, no Concello de Sober; e a do Cabo do Mundo, que vai dende Belesar-Área Recreativa de Maiorga e volta a Belesar Pobo, en Chantada.
Xunto á creación da central de reservas, nas dependencias do Clube Náutico de Doade, a Deputación habilitará unha oficina para a venda de billetes e para información turística de toda a provincia en xeral, e da Ribeira Sacra en particular.
Do mesmo xeito, tendo en conta a elevada afluencia de visitantes que acolleron as rutas fluviais no 2015, con preto de 50.000 persoas; o organismo provincial vai a incrementar o número de profesionais de atención turística e de seguridade nos embarcadoiros.
Horarios
En tempada de inverno, que se establece dende outubro ata finais de maio, as rutas estarán operativas de mércores a domingo no Canón do Sil e as fins de semana na Ruta do Cabo do Mundo, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Igualmente, as dúas rutas estarán operativas durante a ponte das Letras Galegas, a Ponte do Pilar e o da Constitución.
En tempada de verán, que comezará o 1 de xuño e rematará o 30 de setembro, incorporará tamén á oferta a Ruta da Reserva da Biosfera “Terras do Miño, dende o embarcadoiro dos Robles, na cidade de Lugo, que funcionará todos os días ás 12:00, 13:00, 17:00, 18:00 e 19:00 horas. As outras dúas rutas, que serán tamén diarias, funcionarán ás 11:30, 16:30 e 19:00 horas.
Máis emprego
A Xunta de Goberno aprobou a contratación 12 desempregados lucenses, que agora están a traballar en 11 entidades da provincia grazas ao Ben Empregados da Deputación. Os postos de traballo que ocupan son: un axente de turismo para unha axencia de viaxes en Sarria; un esteticista na capital lucense; varios peóns gandeiros en explotacións de Guntín, Sarria, A Pontenova e O Saviñao; un axudante de perruquería en Mondoñedo; un Peón Forestal en Navia de Suarna; un arquitecto en prácticas en Ribadeo; 2 traballadores sociais en Lugo; e un técnico informático tamén para a cidade luguesa.
A xunta resolveu, ademais, unha nova entidade beneficiaria do Ben Empregado. Trátase da Federación de Asociacións do Ámbito Social en Lugo, que busca un Dinamizador Comunitario.
O teu esforzo ten premio en Lugo
Na sesión tamén resolveuse a concesión de 16 bolsas para custear integramente a matrícula no Campus de Lugo a outros tanto mellores expedientes de BAC, FP e Grao. Estas becas enmárcanse no plan “O teu esforzo ten premio en Lugo”, que puxemos en marcha ao abeiro do Plan de Impulso do Campus de Lugo que temos coa USC.