O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, avanzou este mércores que o organismo provincial pon en marcha un novo servizo de asesoramento gratuíto en impulso do tecido empresarial. Santos Ramos explicou que esta prestación se inicia “coa participación das 474 entidades de toda a provincia que resultaron beneficiados do Ben Empregado co obxectivo de contribuír ao mantemento dos 523 postos de traballo que subvenciona a Deputación unha vez rematada esta programación“. Posteriormente, nun prazo aproximado de 2 meses, esta Carta de Servizos a Entidades ofrecerase ao conxunto do tecido empresarial da provincia.
Serán os traballadores da Área de Promoción Económica e Social os que ofrezan este asesoramento ás empresas luguesas de xeito presencial, no Pazo de San Marcos ou nas propias instalacións das entidades; ou telematicamente a través de email ou teléfono. Toda a documentación publicarase nos vindeiros días en www.deputacionlugo.gal. Máis información en 982-260-227/982-260-085.
A Carta de Servizos a Entidades inclúe o seguinte asesoramento:
- Información sobre axudas e subvencións. Estase a elaborar unha base de datos con todas as axudas existentes, e que se irá actualizando periodicamente, para que os empresarios e emprendedores lucenses teñan ao seu alcance toda a información sobre as axudas ás que poden concorrer.
- Creación de Boletíns informativos, nos que se explicarán mensualmente ás empresas que se sumen a esta iniciativa, toda a información que poda ser do seu interese.
- Asesoramento legal, por exemplo sobre a Lei de Protección de Datos ou a Lei de Servizos da Sociedade da Información e Comercio. Ademais, tamén se afondará en aspectos como, por exemplo, os estatutos dos traballadores e convenios, entre outros.
- Asesoramento en TIC’s, no que se explicará ás empresas a importancia de introducir as novas tecnoloxías nos modelos de negocio actuais: redes sociais, correos corporativos para traballadores, ou incluso sinatura e facturación electrónica…
- Promoción e impulso do networking interno e externo, así como a importancia da publicidade das empresas. A través do networking promoveranse a realización, de xeito Carta de Servizos a Entidades conxunto entre as empresas que o desexen, seminarios e xornadas para, por exemplo, conseguir reducir custos na compra de material ou facer campañas de publicidade conxuntas, que aumenten as ventas e melloren a imaxe das empresas e entidades da provincia.
- Aforro enerxético e a racionalización do gasto. Poremos a disposición das entidades os expertos da axencia provincial da enerxía, para que ofrezan medidas de optimización enerxética que permitan, polo tanto aforrar custos ás empresas.
- Contacto directo cos diferentes departamentos da Deputación.