O Goberno da Deputación iniciou os traballos de demolición do antigo Fogar Escola de Becerreá e acondicionamento da parcela na Rúa Ancares 83, onde se situará o centro de maiores. O Executivo Provincial decidiu financiar esta instalación con 4,8 millóns de euros, en colaboración co Concello, e suplindo á Xunta de Galicia, pois esta administración non executou o proxecto, a pesar do compromiso adquirido por Núñez Feijóo no ano 2009 cos veciños de Becerreá e dos Concellos dos Ancares.
Estas actuacións, enmárcanse na primeira fase de construción do centro, que ofrecerá un mínimo de 96 prazas na residencia e 40, no centro de día. En primeiro lugar leváronse a cabo labores de desescombro, para posteriormente proceder á demolición do antigo Fogar Escola. Cómpre subliñar que o conxunto destes traballos foron contratados con 70.000 euros do orzamento da Deputación do ano 2016.
Martínez Núñez destacou que “con estas obras, iniciamos o proxecto de construción do centro de maiores, cumprindo deste xeito cunha petición histórica dos veciños da comarca. Concello e Deputación xuntamos esforzos para facer realidade unha instalación necesaria, polas características demográficas da nosa provincia, e que permitirá atender a uns 140 maiores”.
Tras a demolición do antigo edificio, o seguinte paso será a adxudicación da construción desta infraestrutura. Polo momento, son xa 21 as empresas que presentaron a súa solicitude para concorrer a esta obra, e o proceso resolverase previsiblemente a finais deste mes. Unha vez concluído este trámite, a empresa terá un prazo dun mes para iniciar as obras deste Centro de Maiores, polo que está previsto que no mes de decembro xa se estean executando os primeiros traballos.