O Goberno da Deputación prestou 5 réplicas de instrumentos do Pórtico da Gloria para o concerto que o artista Carlos Núñez e a orquesta do Pórtico da Gloria, celebrarán este mércores ás 21:15 horas na Catedral de Santiago. Como convidados especiais, levarán a Jordi Savall e Hèsperion XXI. Dito concerto porá o broche final ao programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo.
Nun encontro mantido esta semana a Deputación entregoulles os cinco instrumentos realizados no obradoiro da CIGA que impartiu Christian Rault, un luthier de recoñecido prestixio, no Centrad entre o 30 de outubro e o 11 de novembro. Unha actividade enmarcada dentro do Proxecto de Estudio e Difusión da Música Medieval en Galicia que desenvolve o Centro de Artesanía e que fomenta a Deputación.
Entre as cinco pezas trasladadas á capital galega figuraban dúas gigas e unha rota que están presentes na iconografía escultórica da Catedral de Santiago de Compostela, tamén incluían un olifante e unha viola, réplicas do Rei David. Será a primeira vez que estes instrumentos fabricados no obradoiro sexan usados ou tocados para unha interpretación pública.