A Deputación promociona a Festa da Filloa de Muimenta cunha degustación nos xardíns de San Marcos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente de MOEXMU, Daniel Pollán Cabana, con compañeiros do Goberno Provincial e da comisión organizadora, participaron esta mañá na degustación que, conxuntamente, organizaron nos Xardíns do Pazo de San Marcos para promocionar a Festa da Filloa de Muimenta, que terá lugar o vindeiro 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López, do Concello de Cospeito.

O Goberno da Deputación colabora con esta cita a través dunha axuda económica de 3.000 euros e levando demostracións artesanais e actuacións musicais. Pola súa banda, a Xunta achega 3.000 euros ao Concello para a Festa da Filloa ao estar declarada Festa de Interese Turístico Galego. O municipio de Cospeito destina 5.000 euros para a organización. Polo tanto, o Goberno da Deputación segue a ser a administración que máis colabora coas citas de maior relevancia de Cospeito.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos coa Festa da Filloa de Muimenta, unha celebración consolidada na provincia e declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2008, para impulsar a economía da Terra Chá ao mesmo tempo que promocionamos un dos pratos máis coñecidos da cociña galega. Quero pór en valor a importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo nesta zona da provincia, pois esperase que participen máis de 3.000 persoas nesta XXVI edición. Ademais, hoxe, temos o privilexio de contar con varias filloeiras e ser testemuña da elaboración deste típico doce, de mans de profesionais.”

Durante a xornada do luns, participarán 50 filloeiras e poderanse degustar máis de 17.000 filloas, que se servirán a 3 euros a media ducia, ademais de churrasco, pan e bebidas. A programación do evento inclúe actuacións de grupos de baile e música; exhibicións de xogos tradicionais; obradoiros de construcións de xoguetes e instrumentos musicais; a entrega de premios da XVIII edición do Concurso de relato e de debuxo da filloa, que conta con máis de 150 traballos presentados; e o pregón por parte da Presidenta da Asociación Española conta o cancro en Lugo, Mari Luz Abella.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com