A Deputación promove a celebración do IV Congreso Galego de Xestión Enerxética

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares, presentou este hoxe a IV edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética Xenergal 2017, que se celebrará os vindeiros días 8 e 9 de novembro no Pazo de San Marcos, organizado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración do Executivo Provincial e do Concello de Lugo. Na presentación tamén participaron o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director de Xenergal, Fernando Blanco.

Campos Conde subliñou que “a nosa provincia acollerá a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso, que contará cun total de 36 relatorios aceptados, ao redor de cinco temas fundamentais como son as enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía”.

Piñeiro Villares amosou “o compromiso do Goberno de Lugo co aforro enerxético e coa reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro”. Como exemplo, lembrou que “o Concello adxudicou hai uns días as obras para a instalación dunha rede de biomasa en Frigsa, un proxecto por valor de 700.000 euros que consiste na implantación dun sistema non contaminante para a rede de calor da calefacción das instalacións de Frigsa, co fin de mellorar a eficiencia enerxética”.

Nesta liña o edil tamén subliñou as accións que o Concello acometerá a través do Lugo Smart City, financiado nun 80% con fondos FEDER, para avanzar en cidade intelixente e sostible, como a xestión de residuos sólidos urbanos a través de sensores de almacenamento conectados vía GPRs ou 3G nos colectores, a xestión do alumeado público no entorno urbano e rural, entre outras.

Na súa intervención, Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais na xestión da enerxía, cunhas competencias recoñecidas desde 1935”; pola súa banda Fernando Branco indicou que “a xestión da enerxía é unha necesidade no mundo da empresa e administración pública derivada da necesidade de diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro e de garantir a seguridade de todas as instalacións tanto en empresas como administracións públicas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com