O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este martes unha nova iniciativa do Goberno Provincial para promover hábitos de vida saudables e unha correcta alimentación entre os lucenses. Con este fin, a Deputación organiza este venres, 24 de marzo, unha conferencia impartida polo recoñecido nutricionista Antonio Escribano Zafra, que terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria (Campus Terra).
Rivera Capón subliñou que “Escribano Zafra é Catedrático de Nutrición Deportiva e responsable médico dende fai máis dunha década da Área de Nutrición da Federación Española de Baloncesto, e director médico dende fai sete anos da Unidade de Nutrición, Metabolismo e Composición Corporal da Real Federación Española de Fútbol”. O Deputado de Deportes engadiu que “para nós é unha honra contar coa súa presenza na nosa provincia, xa que ninguén mellor ca el nos pode falar sobre hábitos de vida saudables e unha alimentación adecuada para a práctica deportiva”.
Programación
A conferencia do Doutor Escribano desenvolverase baixo o título A alimentación no deporte: a nutrición do futbolista e terá unha duración aproximada de tres horas, incluíndo un descanso. Os temas que se tratarán son os seguintes:
A importancia dunha correcta alimentación e nutrición para a práctica e as esixencias do fútbol moderno.
Como estruturar a nutrición en relación aos diferentes conceptos competitivos (antes, durante e despois dos adestramentos e partidos).
Como levar a cabo unha correcta hidratación.
Avaliación da composición corporal e o metabolismo no futbolista.
Regalo de entrada para o CB Breogán-Leyma Coruña
O Deputado de Deportes adiantou ademais que “a cada asistente á conferencia do venres entregaráselle unha entrada para presenciar o derbi galego entre o CB Breogán e o Leyma Coruña, que terá lugar unha vez finalice a charla, ás 20.45 horas, no Pazo dos Deportes”. Esta iniciativa únese á promovida polo organismo provincial e o club celeste para dedicar o encontro do día 24 a por en valor o traballo da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple.