O Goberno da Deputación regalará libros dende mañá e ata o 30 de abril aos visitantes dos 4 museos da provincia: Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, Fortaleza San Paio de Narla, e Museo Provincial do Mar, e aos da Capela de Santa María, para conmemorar o Día do Libro que se celebra o vindeiro domingo 23 de abril.
Trátase dunha iniciativa do organismo provincial para fomentar e promover o hábito de lectura entre os veciños da provincia. En total, entregaranse máis de 2.500 libros editados ou cos que colabora o Servizo de publicacións do organismo provincial, de todo tipo de xéneros como literatura, poesía ou investigación, entre outros.
Como novidade respecto a outros anos, o Executivo Provincial distribuíu lotes de 35 exemplares ás 53 bibliotecas municipais e axencias de lectura coas que conta a provincia de Lugo. Ademais, a Sala do Obradoiro do Libro do Centro de Artesanía e Deseño acondicionouse para que a partir de agora os clubes de lectura lucenses conten cunha sala na que se poidan realizar conferencias, xornadas ou charlas dirixidas especialmente para este sector.