A Deputación Provincial de Lugo reitera nun comunicado a “transparencia” no proceso de enaxenación das accións do Lugo

A Deputación Provincial de Lugo, ven de remitir aos medios un comunicado explicativo sobre o proceso de enaxenación de venda das accións do CD Lugo, propiedade do entre provincial e do Concello de Lugo.

Logo das informacións vertidas por Esquerda Unida, nas que afirmaban que este proceso non foi regular, a Deputación insiste na trasnparencia e dilixencia levada a cabo no proceso.

Escoitamos ao Presidente, José Ramón Gómez Besteiro:

A continuación remitimos o comunicado achegado polo ente provincial:

“1.- A compra de accións do CD Lugo por parte das administracións públicas no momento da súa constitución como SAD foi de carácter temporal e coa finalidade de que o clube puidera participar na Segunda División A da Liga de Fútbol Profesional. Este apoio institucional foi solicitado polo CD Lugo e aprobado nun Pleno extraordinario da Deputación en maio do 2013 cos votos a favor do PSOE e do Partido Popular.

No acordo asinado co CD Lugo, o Clube renunciaba a recibir subvencións provinciais en tanto a Deputación de Lugo permanecera no accionariado, ata que non se amortizaran os 900.000 euros desembolsados polo organismo provincial.

2.- No ano 2014, o propio CD Lugo pediulle a Deputación e Concello que iniciasen o proceso de venda das accións propiedade das institucións. Respondendo afirmativamente a tal petición, a Deputación -con base á encomenda de xestión realizada polo Concello- aprobou as bases reguladoras para dita venda. Contra ditas bases nunca houbo alegación nin recurso algún.

3.- A Deputación convocou un único concurso, non dous, como se ten afirmado. No prego de condicións publicado no BOP con data 9 de decembro de 2014 non se incluía a posibilidade do pago aprazado. O prego tampouco tivo ningún tipo de alegación.

4.-Na única oferta que se presentou naquel momento, o sr. López manifestou a súa intención de pagar en tres anualidades. A Deputación requiriulle por correo certificado con acuse de recibo de data 26 de decembro de 2014 ao fin de que “no prazo de 5 días concrete se mantén a súa oferta en pagamento único”. Este escrito nunca tivo contestación oficial. Simplemente chegou á Deputación un correo electrónico remitido polo “Despacho de Roibás” que di: “le indico que sigo manteniendo mi oferta tal y como se ha presentado; esto es, el pago ofertado en tres plazos (pago aplazado)”.

Ante tal afirmación recibida por unha canle que non se axusta aos trámites legais, e unha vez rematado o prazo de 5 días, a comisión técnica reunida na Deputación acordou que a única oferta presentada non se axustaba ás bases legais. Polo tanto, para facilitar a presentación de ofertas, a Deputación modificou unha única cláusula dentro do mesmo concurso que permitía o pago aprazado e así saiu publicado no BOP de data 17 de xaneiro de 2015.

5.- Nos pregos non está previsto que a apertura dos sobres pechados presentados polos licitadores sexa pública. Pero, na busca da maior transparencia do proceso e aplicando a interpretación legal máis vantaxosa para os interesados, a comisión técnica permitiu a presenza pública de todas as persoas presentes no exterior, como así fixeron os que manifestaron ser representantes do sr. López e o propio sr. Saqués, para a apertura das ofertas das condicións de adquisión (prezo por acción, número de accións e proxecto deportivo). A normativa legal si impide a presenza de público na apertura da documentación administrativa (DNI do interesado, NIF, poderes, etc), aspecto ao que tamén se axustou a Deputación.

Ao ser público o acceso, desde ese mesmo momento tamén foron públicas as condicións das ofertas presentadas, nas que se incluía o prezo por acción. Polo tanto, o coñecemento de extremos como o prezo por acción sempre se axustou á normativa legal de aplicación. Polo mesmo motivo, a Deputación informou conforme á lei das ofertas realizadas polo sr. López tamén na segunda fase do procedemento e a realizada polo sr. Saqués.

6.- A valoración da oferta económica é rotunda e clara no prego de condicións:

“Cláusula 5.- As accións adxudicaranse ao prezo mínimo de 10 euros por acción”. 

“Cláusula 6.- Realizarase polo sistema de concurso. Para a valoración das ofertas presentadas teranse en conta os seguintes criterios de adxudicación:

a) Prezo ofertado superior ao prezo mínimo de adxudicación (10 euros/acción). 40 puntos”

Tal e como se lle puxo de manifesto ao público presente pola comisión de valoración, O ÚNICO CRITERIO A VALORAR NESTE PUNTO É O PREZO POR ACCIÓN. A comisión de valoración detectou un erro artimético na oferta do sr. López na suma da cantidade total, cantidade que resulta intranscendente a efectos de valoración, xa que o único criterio era o prezo por acción. O sr. Roibás tamén manifestou publicamente a existencia de dito erro e concretou que a oferta facíase a 10,02 euros/acción.

Pola mesma razón, na oferta do sr. Saqués, a ÚNICA CANTIDADE QUE SE TOMA EN CONSIDERACIÓN FOI O PREZO POR ACCIÓN. Neste caso, 10,67 euros/acción.

En conclusión, a comisión de valoración axustouse escrupulosamente ao establecido nas bases reguladoras e, en ningún caso, tomou decisión algunha que favorecese a ningún dos licitadores. Ambas decisións adoptadas foron comunicadas aos asistentes sen que ninguén fixera alegacións en contra.

7.- As bases volven a ser claras na forma de pago, que se poderá realizar nun máximo de tres anualidades como aparece recollido na Cláusula 12 do prego: “admítese o pago aprazado ao tipo de xuro legal establecido na Lei de orzamentos xerais do Estado para cada ano, nun prazo non superior a 3 anos”.

De todos os xeitos, unha vez rematado o proceso de adxudicación, a Deputación -no caso de que o adxudicatario solicitase o pago aprazad0- determinará as condicións, contías e garantías de dito pago e sempre respectando o máximo de 3 anualidades.

8.- No tocante ao proxecto deportivo, ambos proxectos foron remitidos para o seu estudo ao CD Lugo co fin de que o propio clube poda valorar a calidade dos mesmos, prazos de execución, instalacións, localizacións, etc. Ninguén como o propio clube para a súa avaliación e puntuación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com