O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polos seus compañeiros no Goberno da Deputación, informou este venres sobre as actuacións que o Executivo Provincial achega aos máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos con 23,1 millóns de euros do Plan Único para reactivar a economía, o emprego e os servizos sociais no conxunto da provincia. Son 20 millóns do organismo lugués e 3,1 dos municipios.
Campos Conde destacou que “hoxe é un día moi especial para min, para os meus compañeiros e para os veciños da provincia. Levamos meses de intenso traballo dende todos os departamentos da Deputación, colaborando cos 67 Concellos na recopilación de toda a documentación necesaria para poder levar a cabo, no conxunto da nosa provincia, proxectos de 23 millóns de euros”
“Creo que conseguimos os obxectivos que nos marcamos con esta programación: dar resposta ás necesidades xenéricas de todos os nosos veciños, intensificando a mellora de dotacións públicas no rural, o emprego e os servizos sociais. É dicir, atender, dende unha Deputación coas persoas, social e rural, o que outras administracións non fan na nosa provincia”, destacou o presidente. Así mesmo, resaltou que o seu goberno deu unha maior autonomía aos Concellos, como coñecedores das respectivas necesidades dos municipios, á hora de determinar os proxectos a levar a cabo.
Un segundo obxectivo que se marcou o goberno socialista foi reactivar a economía da provincia, priorizando os investimentos e establecendo que os gastos correntes fosen para a contratación de novos traballadores, cos que xerar emprego e prestar servizos sociais.