A Deputación recoñece ao burelés Simón González, segundo español na Maratón de Chicago

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu este mércores no Pazo de San Marcos ao atleta burelés Simón González Río, recentemente proclamado mellor fondista español na Maratón de Chicago na categoría de 30 a 34 anos, logo de completar os 42,195 quilómetros da proba nun tempo de 2 horas, 37 minutos e 52 segundos.

Simón González recibiu un trofeo por parte do titular provincial, unha distinción que vén a recoñecer a súa xesta nunha das competicións deportivas máis importantes da tempada, a Maratón de Chicago, na que participaron máis de 40.000 corredores de todas as idades e nacionalidades.

Campos Conde subliñou que “Simón é un verdadeiro exemplo de superación, o seu recente éxito na Maratón de Chicago é o resultado dunha estrita rutina de adestramentos. Froito do seu sacrificio diario pode presumir de ter participado en tres das carreiras incluídas no circuíto do World Marathon Majors, completando unha destacada actuación en Berlín, Nova York e agora en Chicago”.

Simón González foi o segundo español en cruzar a liña de meta en Chicago, por detrás do madrileño Raúl Fernández Hernández, e o noveno europeo en completar a proba, finalizando no posto 122 da clasificación absoluta, que dominaron os atletas africanos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com