O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, mantiveron un encontro con alumnos da Escola de Música de Antas de Ulla para coñecer o resultado e grao de satisfacción da nova colaboración do Goberno Provincial. Esta consiste no reforzo da formación a través dunha axuda de 6.000 euros que permiten a contratación de 2 profesores (un de clarinete e outro de saxo), o aluguer ou compra de novos instrumentos, así como a celebración dun campamento musical. Todo isto en beneficio dos 80 alumnos, veciños de Antas de Ulla e Palas de Rei, que se forman nesta escola.
Campos Conde destacou que “son un total de 90.000 euros os que dende o Goberno da Deputación destinamos á formación musical a través de escolas de música e dos Conservatorios da provincia. É unha aposta pola educación, pois creo que a música contribúe notablemente á educación dos nosos fillos en moitos aspectos, así como pola igualdade de oportunidades e polo rural, posto que favorecemos nos nosos Concellos clases de música, que se converten nun grande motor ou factor de socialización e dinamización dos nosos municipios. Creo que a Escola de Musica de Antas de Ulla é exemplo de todo isto, pois dela xurdiu a activa Banda de Música deste Concello, ao tempo que forma a 80 veciños do municipio e tamén de Palas de Rei”.
Destes 90.000 euros, o Goberno da Deputación achega 45.000 ás Escolas de Música de Antas de Ulla, Monterroso, Mondoñedo e Vilalba, así como á Asociación Músico Crisanto, que ofrece clases musicais a veciños de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte. Os restantes 45.000 euros son para o funcionamento dos Conservatorios de Música de Vilalba, Monforte de Lemos e Viveiro, que contan con ducias de alumnos da provincia.
Escola de Música de Antas de Ulla
García Porto, Deputada pola Comarca da Ulloa e veciña de Antas de Ulla, apuntou que “a Escola de Música e a Banda Municipal de Antas de Ulla “son auténtico referente de formación musical na Comarca da Ulloa e un dos principais motores de dinamización social e cultural da noso Concello do que todos os veciños nos sentimos moi orgullosos”.
Nesta escola hai 9 profesores que imparten na Casa da Cultura e no Colexio de Antas, así como na Casa de Cultura de Palas de Rei. As especialidades que se imparten son solfexo, percusión, musica e movemento. Ofrece clases de tuba, trombón, bombardino, trompeta, clarinete, óboe, saxo e frauta traveseira. 45 alumnos forman parte da Banda de Música de Antas, que dirixe Javier González.