A Deputación reitera a legalidade do Fondo Social

A Deputación de Lugo aclara nun novo comunicado varias incongruencias sobre a Operación Pulpo que transcenderon nos últimos días, e que afectan directamente ao prestixio da institución provincial e aos seus traballadores. O voceiro socialista do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, declarou que “se está a cuestionar a legalidade das axudas do Fondo Social para traballadores da Deputación Provincial de Lugo, que aprobou o Goberno Provincial do Partido Popular en 1990 e 1991. Sobre estas axudas é preciso aclarar:

1.- O anterior Goberno Provincial de PSOE e BNG eliminou gastos superfluos do Fondo Social da Deputación de Lugo como viaxes a funcionarios e fillos de funcionarios. Como se pode comparar na documentación que se adxunta, desde o ano 2006, non se realizou ningunha viaxe deste tipo. Todas as viaxes que transcenderon nos últimos días (Arxentina, Euro Disney, India ou un cruceiro no Rin) foron subvencionados polo Goberno Provincial do Partido Popular na Provincial de Lugo. “Se agora a xustiza dubida da legalidade destas viaxes, non entendemos porque non pregunta ao PP, que foi quen os aprobou e mesmo desfrutou. Parécenos unha incongruencia que se investigue, precisamente, a quen suprimiu esas viaxes”, destacou o voceiro socialista.

2.- O anterior Goberno Provincial PSOE e BNG someteu estas axudas a un proceso de racionalización, a través do cal reducíronse estes gastos nun 50%, sen recortar dereitos aos traballadores públicos.

En 2006, co Goberno Provincial do Partido Popular, o gasto do Fondo Social superou 1,3 millóns de euros. En 2014, último ano completo do anterior Goberno Provincial PSOE e BNG, foi de 620.000 euros. Explicar que o orzamento para 2015 é superior ao de 2014, xa que o Goberno Provincial do PP, presidido por Elena Candia, aprobou o aumento destes gastos. Fixo o 18 de setembro de 2015. “Tamén nós parece incongruente que se investigue a quen recortou o 50% destes gastos, e non a quen os incrementou “, dixo Santos Ramos.

3.- O Fondo Social da Deputación de Lugo leva axudas dirixidas exclusivamente a persoal desta administración. Non son para representantes políticos. Trátanse de axudas para gastos de gardería, compra da primeira vivenda, bolsas de estudo ou para gastos que non cobre a Seguridade Social.

Santos Ramos contou que “unha funcionaria achegóuseme nos pasados días, con moita pena, para dicirme que a do DIU son eu. Esa muller, de expediente intachable, quería contarme o mal que o estaba pasando polo famoso DIU, que ata algún medio de comunicación chegou a atribuír, na historia máis rocambolesca, ao anterior Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Trátase dunha muller que sufriu un legrado e máis adiante un tumor, polo que precisou dun DIU para regular o seu nivel hormonal, que non lle cubría a Seguridade Social, pero si a partida social da Deputación. Se vos conto isto é porque teño o permiso da propia afectada para facelo, porque é unha de tantos funcionarios da Deputación fartos das inxustizas que estamos a vivir, e porque exemplifica o nulo rigor co que se está traballando nesta causa.

4.- As axudas do Fondo Social da Deputación de Lugo son declaradas a Facenda e sométense a todos aos controis do Ministerio de Facenda.

5.- Os traballadores públicos de todas as administracións do Estado teñen, do mesmo xeito que os de Deputación de Lugo ou do resto de Deputacións de Galicia, axudas sociais. Por exemplo, téñenas os traballadores que dependen do Ministerio de Xustiza, entre outros moitos”.

Á marxe das axudas do Fondo Social, Álvaro Santos cree necesario explicar ademais os seguintes puntos:

1.- Estas dilixencias iniciáronse en 2013 tras unha denuncia por un presunto caso de acoso laboral entre traballadores dun mesmo departamento desta institución. “É dicir, unha denuncia entre compañeiros desta administración deriva nunha operación xudicial na que se investiga ata ao anterior Presidente da Deputación de Lugo por cuestións que nada teñen que ver con este presunto caso de acoso laboral”, apuntou Santos Ramos.

2.- Ponse en dúbida a legalidade do Km0, un programa de promoción da provincia, que ofrecía 127 rutas guiadas polos 67 Concellos lucenses, no que colaboraban 125 establecementos e entidades de toda a provincia (hostalería, comercio, artesanía, turismo..), e que contribuía ao mantemento de 3.000 postos de traballo directos e indirectos na provincia de Lugo.

 

3.- Era un programa (KM0) financiado por fondos da Unión Europea, sometido a rigorosos controis, dos servizo provinciais da Deputación, todas as auditorías externas e controis que fai o Ministerio de Administracións Públicas sobre a xestión de Fondos Europeos todos eles superados con nota, é máis, a boa xestión destes fondos por parte do anterior Goberno Provincial de PSOE e BNG supuxo que a Unión Europea premiase en reiteradas ocasións á Deputación de Lugo, concedéndolles máis fondos comunitarios, ata superar os 1,5 millóns de euros.

Tamén se superaron os controis que fai o Tribunal de Contas e o Consello de Contas sobre as contas e os contratos realizados no marco do Km0.

Ata a Xurisdición Contencioso Administrativa avala a xestión contractual realizada polo Goberno Provincial de PSOE e BNG en relación ao Km0. Achégase a sentenza  desestimatoria, e á que xa non cabe recurso, do Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 en relación ao contrato de transporte do Km0.

Tras facilitar toda esta documentación oficial, a Deputación de Lugo conclúe remarcando que “desde esta institución sempre se actuou conforme á legalidade vixente”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com