A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño, presentaron este venres na Praza de Abastos luguesa a X Feira Expogrelo que se celebrará o sábado día 21, no recinto feiral de Gontán.
O organismo provincial colabora un ano máis co Concello na celebración desta cita cunha achega de 3.000 euros, ao igual que fai con outro medio cento de actividades dirixidas a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía a través do Plan Estratéxico de Subvencións.
No acto, no que tamén estivo presente a Tenente de Alcalde de Abadín, Begoña Gaute, a Vicepresidenta destacou que “Expogrelo é exemplo dunha cita que, máis aló do seu aspecto lúdico, supón un importante evento de promoción dos nosos produtos autóctonos de calidade, cuxa comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo na provincia. É indispensable apoiar a súa celebración”.
De feito, na Terra Chá hai máis de 200 produtores que comercializan uns 400.000 quilos de grelo ao ano, xerando máis de 250 postos de traballo na Comarca. @depulugo