O titular provincial, Darío Campos Conde, presidiu esta mañá en Cervantes, xunto á Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, a reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares. Durante o encontro, decidiuse que o primeiro proxecto que poñerá en marcha a Deputación o vindeiro ano será a sinalización do patrimonio histórico e cultural incluído na reserva. Trátase dunha iniciativa acordada na anterior reunión deste órgano o pasado mes de outubro, a proposta do colectivo Patrimonio dos Ancares, e que estará financiada na súa totalidade polo organismo provincial.
O proxecto de sinalización permitirá a posta en valor dos recursos patrimoniais dos municipios dos Ancares, aumentando a súa visibilidade e difusión. Así, no Concello de Becerreá sinalizaranse o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No que fai ao Concello de Cervantes, instalaranse indicadores na necrópole megalítica da Pena dos Mouros, nos petróglifos de Campa do Barreiro, no castro de Santa María, no Castelo de Doiras, no Pazo de Quindous e na igrexa de Donís. Finalmente, no Concello de Navia sinalizaranse a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.
A sinalización efectuarase seguindo o manual de sinaléctica da Rede Española de Reservas da Biosfera e completarase coa realización de material divulgativo.
Doutra banda, durante o encontro tamén se fixo oficial a incorporación de cinco novos colectivos ao órgano de participación: a Asociación de Mulleres Rurais Ledicia de Navia, a ANPA CPI de Cervantes, a Asociación de Mulleres Alecrín de Cervantes, a ANPA CEIP San Xoán de Becerreá e a asociación Patrimonio dos Ancares. Estes cinco colectivos súmanse aos catorce membros que xa integraban, xunto coa Deputación, o órgano de participación.