O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, en representación do Goberno Provincial, tendeulle a man publicamente ao Executivo autonómico para colaborar no impulso dos catro xeodestinos lucenses e solucionar “as grandes eivas que presenta a nosa provincia e que lastran o seu desenvolvemento turístico, como son as deficiencias nas vías de comunicación”.
Vidal Baamonde explicou que a Xunta, como a principal administración galega coas competencias directas en materia turística, definiu no ano 2011 os xeodestinos que hai na provincia de Lugo pero que seis anos despois, o único xeodestino que constituíu foi o da Ribeira Sacra. Cómpre aclarar que na Mariña existe unha Mancomunidade “que naceu froito do esforzo dos municipios para a xestión conxunta de servizos municipais” e que con posterioridade comezou a traballar no eido turístico, pero non é unha entidade xestora do xeodestino e, ademais, a súa composición xeográfica tampouco se corresponde coa delimitación do xeodestino definida polo Goberno autonómico.
Ante esta situación, e tendo en conta que están pendentes de constitución os xeodestinos da Mariña, Lugo-Terra Chá e Ancares-Courel, o Goberno da Deputación amosa toda a súa vontade de colaboración co Executivo autonómico para, conxuntamente co resto de administracións públicas, conformar os xeodestinos e impulsar o turismo na provincia de Lugo de xeito conxunto.
Doutra banda, o Deputado de Turismo considerou “inxustificable” que a Xunta organizase o pasado 1 de marzo unha reunión cos Alcaldes da Montaña para constituír o xeodestino Ancares-Courel e non convocase o organismo provincial. Sinalou que a Lei de Turismo contempla que, con carácter previo á constitución dos xeodestinos, se consulte ás entidades municipais e supramunicipais, como é o caso do organismo provincial.
En contraste coa política do Goberno autonómico, o Deputado sinalou que o Plan Estratéxico de Turismo da Deputación é “un plan participativo e moi transversal”, no que todos os axentes implicados no turismo, tanto públicos como privados, poden ter voz. Ademais, remarcou que dende a institución provincial mesmo se convidou á Directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, e ao xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, a que fixesen a súa contribución.