Deputación e USC asinan o convenio da Granxa Experimental de Leite

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a construción da Granxa Experimental de Leite do Campus Terra. Campos e Viaño informaron sobre o proxecto nun acto no que tamén participou o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García, e o Decano da Facultade de Veterinaria en Lugo, Germán Santamarina Pernas.

Este proxecto está dotado de 2 millóns de euros: 1,3 millóns achégaos a Deputación para as obras e 740.000 euros a USC para o equipamento. Campos Conde explicou que “temos en marcha o proceso de contratación das obras de 1,3 millóns de euros, estando aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 12 de decembro. A previsión é iniciar os traballos de construción no primeiro trimestre do 2018 e que estas instalacións públicas estean en funcionamento no curso académico 2018-2019”. Estarán listas, polo tanto, para cando a Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) visite a provincia para renovar a distinción internacional da  Facultade de Veterinaria.

“A Granxa Experimental do Campus Terra terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Con isto pretendemos combater uns dos principais problemas quesofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite, e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais”, subliñou o Presidente.

Viaño Rey destacou que este convenio “fai realidade unha demanda histórica  do Campus Terra, que é a de establecer unha granxa experimental de leite que dea resposta ás necesidade docentes e investigadores dos dous centros que máis definen esencialmente o universidade lucense: Veterinaria e Politécnica”.

“Esta nova infraestrutura axuda a reforzar o papel do Campus Terra como unha referencia internacional da xestión sostible dos recursos da terra. A colaboración entre ambas administracións aposta unha vez máis pola innovación e o coñecemento que axudarán a que o sector produtor de leite, tan importante para a economía de Lugo e de Galicia, sexa máis eficiente e teña máis futuro, nun mercado cada vez máis global e competitivo”, apuntou o reitor.

A Granxa Experimental estará situada nas instalacións da actual Granxa Gaioso Castro, e ocupará unha superficie total dunhas 30 hectáreas que se dividirán en varios edificios e unha finca que se usará para producir forraxe como alimento para os animais.

As instalacións que se contruirán medirán un total de 4.400 metros cadrados, nos que se contará cuna Nave de Gando de Leite, con capacidade para 70 vacas, e cunha superficie de case 2.500 metros cadrados. Ademáis dun edificio de Prácticas de 387 metros cadrados destinado a acoller ao estudantado e ao profesorado que relicen actividades docentes ou investigadoras. Asemade, a Granxa Experimental do Campus Terra contará con outra nave para acoller a maquinaria necesaria así como para as labores de limpeza e mantemento, unha fosa de purín e dous silos de formigón.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com