A Deputación e a Xunta visitan AFALU para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, puxo hoxe de manifesto, Día Mundial do Alzheimer, o compromiso do Goberno da Deputación cos arredor de 10.000 lucenses que sofren desta enfermidade neurodexenerativa. López Izquierdo avanzou que o Goberno da Deputación colabora con todos os colectivos da provincia que atenden a lucenses con alzheimer, así como ás súas familias, cunha achega de 50.000 euros, que permite aos seguintes colectivos ofrecer atención profesional: AFA-Chantada, AFA- Monforte, AFA-Viveiro e AFALU.

Fíxoo nun encontro con membros da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU), colectivo que atende a máis dun cento de lucenses nos 2 centros cos que conta na capital luguesa, así como outros 3 en Friol, Vilalba e As Nogais, nos que traballan 35 profesionais: traballadores sociais, educadores sociais, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, psicólogos, nutricionistas, psicomotricistas, auxiliares de enfermería… López Izquierdo estivo cos usuarios de AFALU, así como coa Presidenta deste colectivo, Carmen Pena, ademais do Director e da Coordinadora dunha das unidade na cidade lucense, Valentín Calvín e Iria Franco, respectivamente.

López Izquierdo subliñou a “necesidade de que as administracións públicas coas competencias na materia destinen máis fondos para a investigación científica sobre esta enfermidade, así como para mellorar e dignificar a calidade de vida dos doentes e das súas familias”.

A Xunta con AFALU

Tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quixo dedicar tempo hoxe á celebración deste día e fíxoo, inaugurando o curso Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que promove a AFALU en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O dirixente territorial aproveitou tamén para poñer en valor a figura do coidador, xa sexa do entorno familiar ou como actividade profesional, sinalando que se trata dun acompañamento vital e un apoio fundamental como encargados de proporcionar os coidados que garanten a calidade de vida das persoas en situación de dependencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com