Esta tarde o CD Lugo visitaba o feudo do CF Reus coa meta de manter a súa media anotadora, e en busca dunha vitoria que continuase a consolidación das opcións lucenses na parte alta da táboa.
Primeiros minutos de presión alta por parte de ambos equipos, co CF Reus buscando a posición encima da saída rival, e tratando de evitar a construción do CD Lugo. Os de Luís César trataban de lograr superioridade en construción, mercé á súa capacidade combinativa, e ao seu bo traballo de apoios, en gran colaboración entre os seus homes de referencia interior, e os seus efectivos de banda.
A pesar dos esforzos do CD Lugo, que achegou as súas opcións en varias xogadas comandadas por Carlos Pita, e nun bo disparo de Pedraza que detiña Edgar Badía, serían os locais quen lograría o primeiro gol da tarde. Duro golpe para o Lugo, que trataron de refacerse adiantando liñas de presión e sumando efectivos en punta de ataque, en busca dun empate instantáneo.
Co CD Lugo centrado na súa nova misión, serían novamente os locais quen lograrían aumentar a súa conta goleadora antes do descanso. Un roubo na saída de balón local co equipo xa en avance sobre metade rival, ía proporcionar unha gran oportunidade a F.Carbia, que este non desaproveitaría.
A segunda metade iniciaba cos albivermellos en busca dun tanto que aproximase as súas opcións de reconquista do partido e tras un primeiro remate de Carlos Hernández, que Badía atrapaba con calidade, evitando o gol, a seguinte ocasión dos de Luís César, esta vez nunha xogada individual de Pedraza por esquerda, cun centro preciso ao corazón da área, era Joselu que enfocaba un cabezazo preciso ás mallas e daballes aos de Luís César o seu primeiro gol da tarde.
Co marcador 2-1 o Lugo seguía crendo nas súas posibilidades, e mantiña a súa aposta ofensiva nun escenario de necesarios riscos a asumir en busca dos puntos. Pero a pesar de todo o disposto, a sorte foi esquiva para o CD Lugo nesta tarde. Derrota en Reus, nun partido moi disputado, e no que a primeira parte pasou excesiva factura aos de Luís César. Coa misión de retomar sensacións canto antes, o equipo xa pensa no próximo choque ante o Cádiz CF no Anxo Carro.