Desafiuzamentos

Desde 1812, cando naceu a primeira Constitución española, quedou gravada no imaxinario hispano a palabra “benéfica”,  ao establecer que os españoles debíamos ser “xustos e beneficos”, sendo o obxectivo do goberno a felicidade da nación, xa que o fin da sociedade era o benestar dos individuos que a componen.

Os redactores daquela utópica constitución daríanse de puñadas agora, con España membro da Unión Europea, e co Tribunal da U.E. autorizando a desafiuzar unha familia da vivenda hipotecada, por non pagar tres meses da súa hipoteca.

Quizais moitos especialistas en dereito non o comprenden, e menos os legos que andamos pola rúa, vemos o panorama económico que nos abruma, poñéndonos na pel do pai ou nai de familia que por un problema temporal ou permanente non paga a hipoteca durante tres meses e pode ser expulsada da súa vivenda.

Esto, cando están en trámite ou estudo as condicións leoninas que as entidades bancarias teñen aplicado estes últimos anos sen o maior pudor e con total impunidade, coas cargas engadidas de seguros de obrigada contratación para conseguir a hipoteca, e cando estes xa non son obrigatorios, as presións das compañías para seguir tendo clientes que manteñan vivas unhas entidades que por ter dificultades para acomodarse aos tempos cambiantes que vivimos, repercútenos nos seus clientes sabendo que son a parte máis débil da relación, e que para conseguir igualdade no trato deberán acudir aos tribunais de xustiza.

Esta decisión do Tribunal de Xustiza da Union Europea é o máis inxusto que se poida plantear, aínda que resulte unha mellora relativamente importante en relación co que as entidades bancarías pretendían, que era comezar o trámite de desafiuzamento do hipotecado con tal que deixase sen pagar unha cuota da súa hipoteca. E o Tribunal, en misérrima mellora, aumenta de un a tres os pagos non efectuados para tomar a decisión mais drástica, máis cruel, menos benéfica para as persoas con problemas que, en momentos de apuro, só atopa a lei do máis forte.

Noticias coma esta derruban por terra o relativo optimismo que puidesemos ter sobre a marcha da economía, e sobre todo da marcha desta sociedade que acepta con naturalidade as realidades máis miserables.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com