Un incendio nun restaurante de Foz obrigou a desaloxar aos residentes dun edificio lindeiro da rúa Conde Fontao. O lume, de escasas dimensións, afectou unicamente a unha zona do establecemento. Ninguén resultou ferido.
Ás 5:45 horas desta madrugada unha persoa particular informaba da situación ao 112 Galicia. Explicou que había moito fume e que, por precaución, os propios veciños xa estaban a abandonar os seus fogares.
O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou aos Bombeiros de Barreiros e a Urxencias Médicas. Tamén se alertou ao GES de Cervo, a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.
Segundo se lle indicou ao 112, o lume quedou extinguido contra as 7:40 horas desta mañá. Todas as persoas desaloxadas puideron regresar xa ás súas vivendas.