A Garda Civil vén de desmantelar un grupo criminal especializado na realización de roubos con violencia e furtos no interior de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, baixo o modus operandi de facerse pasar por falsos revisores de empresas da luz ou do gas. As vítimas escollidas por esta banda, sempre eran persoas da terceira idade, que residían sos en vivendas illadas.
A operación policial, denominada Kingarma, iniciouse a raíz dun roubo con violencia e intimidación que se deu a mediados do pasado mes de maio en Palas de Rei. O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Mixto de Chantada fíxose cargo da investigación deste caso trala que lograron identificar aos membros desta banda criminal formada por catro persoas de nacionalidade española residentes en Santiago de Compostela e Teo.
Constatan así, os investigadores, como os autores dos delitos saían dende Compostela ás diferentes poblacións rurais das catro provincias galegas para acometer delitos contra o patrimonio e a orden socioeconómica. Os ladróns chegaban a percorreron, nun mesmo día, máis de 500 quilómetros, durante os que o grupo tomaba medidas de seguridade para non ser detectados polas forzas de seguridade.
A maioría dos membros, todos entre 25 e 50 anos, traballaran de forma legal para diferentes empresas enerxéticas, coñecementos que aproveitaron para formar ao resto de compoñentes do grupo e, así, levar a cabo a súa actividade criminal.
Os ladróns desprazábanse por diferentes aldeas de Galicia e abordaban a persoas maiores nas súas casas, dicindo que viñan a mellorar a oferta da luz, emitindo, incluso, unha falsa factura. Este paso era chave para conseguir que o morador da vivenda fora a buscar o efectivo para facer o pago, acompañado sempre por un dos falsos revisores, que podía así observar onde o ancián gardaba os cartos. Posteriormente, mentres un dos cacos entretiña á vítima, outro entraba na habitación onde se gardaban os cartos e subtraía o que quedara gardado.
O grupo criminal obtivo en catro meses ao redor de 20.000 euros en efectivo. Durante a investigación a Garda Civil practicou catro detencións e catro rexistros domiciliarios onde aprehenderon máis de 6.000 euros en efectivo, teléfonos móbiles, tarxetas sim e xoias, ademáis de carpetas de empresas eléctricas e tarxetas acreditativas que utilizaban para o engano. Tamén interviron catro vehículos, dous deles, de gama alta.
Na provincia de Lugo, quedan esclarecidos con esta investigación, un roubo con violencia en Palas de Rei, seis delitos de furto en Sarria, Abadín, Castroverde, Muras, Ribadeo e Vilalba e tres delitos de estafa en Ribadeo, Castroverde e Vilalba.
Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número un de Chantada esta mesma mañá.
Roubo con forza en Burela
A Garda Civil detivo na mañá de onte en Burela a dous menores como presuntos autores dun delito de roubo con forza, que tivo lugar no interior dunha vivenda burelá o pasado día 25 de setembro.
Os detidos, presuntamente, accederon a unha vivenda deshabitada substraendo obxectos de diferente valor. A fiscalía de menores faise cargo deste caso despois de que os menores fosen postos á súa disposición.