Un tren, que circulaba pola vía férrea Ourense-Monforte con destino a Pontevedra, descarrilou á altura do punto quilométrico 25 sen que se rexistrasen feridos entre a pasaxe, aínda que si tivo que ser atendido no punto o maquinista por lesións leves.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, arredor da 1:30 horas desta madrugada, o convoi saíuse da vía a causa dun desprendemento de terra e pedras na vía férrea entre Ourense e Monforte, ao seu paso polo concello lugués de Pantón.
Concretamente, descarrilou a locomotora, polo que o resto dos vagóns están en perfecto estado, ao igual que os 47 membros da pasaxe, que permaneceron no interior deste tren hotel ata a chegada dunha nova máquina locomotora que conduciu os vagóns a Ourense. Unha vez alí, os pasaxeiros serían trasladados aos seus destinos por distintos medios de transporte.
Quen si necesitou asistencia médica foi o maquinista, que presentaba algunhas lesións, aínda que de carácter leve, polo que foi atendido no punto sen que fose necesaria a súa evacuación.
Pola súa banda, o persoal de ADIF enviou á zona varias retroescavadoras, que seguen a traballar na zona para liberar a vía e restablecer canto antes a circulación.
Cómpre sinalar que o lugar no que descarrilou o tren é unha zona de difícil acceso por estrada, o que levou ás forzas de seguridade a manter a pasaxe no interior do tren ata a chegada da máquina de auxilio que levase os vagóns a un lugar seguro desde o que trasladar a pasaxe en condicións de seguridade.