O paso da cuarta vaga pola nosa provincia está a ser desigual. As tendencias que se viñan dando meses atrás, noutras vagas anteriores, non son xa referencia para esta, o que pode significar que está moito máis controlada a expansión do virus na provincia lucense.
Así o confirma o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e no que se revela un novo descenso de infeccións activas tras dous días á alza. O certo, é que este aumento e descenso continuos son a tendencia predominante nesta cuarta vaga.
Así, nas últimas horas se rexistraron 7 casos activos menos baixando ata as 226 infeccións. Tamén descenden os contaxios, que suman xa tres xornadas en caída, cando o normal noutras vagas era o aumento de positivos novos hacia finais de semana. En total son 8 as persoas que arroxaron resultados positivos nas PCR realizadas no día de onte, por baixo das 11 de antonte ou das 13 detectadas o luns.
No tocante á presión asistencial, esta cuarta vaga está a deixar unhas cifras moi boas na provincia. Así, e tras un novo descenso, Lugo suma 7 pacientes covid ingresados, 5 deles en unidades convencionais, 4 no Lucus Augusti, desposi de 2 altas e 1 no Hospital de Monforte; Os outros dous ingresados se recuperan na UCI do HULA da que onte saía un paciente covid.
En total, dende que comezou a crise sanitaria, 12.075 persoas superaron o virus na provincia, 15 delas nas últimas horas.
Reunión Comité Clínico
E hoxe reúnese de novo o Comité Clínico que asesora á Xunta nas medidas a tomar en relación coa pandemia pola Covid. Enriba da mesa, segundo avanzou o Presidente do Executivo esta semana, estará unha posible ampliación dos horarios de hostalería e comercio e ir deixando sen efecto o toque de recollida.
Entre as propostas do Comité estaría introducir xa un quinto nivel de restricións para concellos en mellor situación. Ese nivel baixo de limitacións podería supoñer a ampliación dos aforos na hostalería por riba do 75% así como a apertura ata a medianoite. Asemade, o comité xa avanzou que analizará hoxe a posibilidade de solicitar á Xustiza que se manteña o peche perimetral e o toque de queda dos concellos con máis risco de transmisión do virus, a partir do domingo, día no que rematará o Estado de Alarma imposto polo Goberno central.