CC.OO da Administración Autonómica ven de denunciar que a Consellería de Traballo e Benestar, de xeito unilateral, cambiou o criterio de xubilación parcial para o persoal laboral.
En escrito dirixido á Dirección Xeral de Función Pública, a central sindical solicítalle a anulación inmediata da instrución da Consellería de Traballo e Benestar, que limita o acceso do persoal laboral á xubilación parcial e anticipada, así como a convocatoria urxente da comisión de seguimento do acordo.
Parece ser que este cambio de criterio podería estar determinado por mor dunha denuncia dun traballador contratado, que unha vez rematado o contrato, levou aos tribunais á Xunta para seguir no posto de traballo.
Se esta é a causa, so se pode falar dunha nova chapuza da Xunta por non ter prevista esta posibilidade, adoptando para elo as medidas necesarias para que estas demandas non se poidan levar a cabo. E non será por falta de experiencia da administración autonómica, logo de ter perdido miles de casos nos xulgados por onde accederon a administración pública moreas de traballadores, sen ter que pasar por ningunha proba, soamente denunciando á Xunta diante da administración de xustiza, o que provocou un agravio para as persoas que preparaban oposicións.