O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, copresidiron esta mañá a reunión da xunta local de seguridade na que, ademais de facer unha análise do índice de delincuencia no municipio, abordouse o plan de seguridade de cara á celebración do Resurrection Fest, que terá lugar os vindeiros días 6,7, 8 e 9 de xullo.
Para tratar este tema participaron no encontro representantes da empresa ONP Producciones S.L., encargada da organización do evento e responsable do deseño do dispositivo para salvagardar a seguridade das en torno a 25.000 persoas que prevén que asista cada día aos concertos programados. Segundo se confirmou esta mañá, ese dispositivo contará co apoio e a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local. Así, axentes da Policía Nacional desplegaranse para velar pola seguridade cidadá e previr a comisión de posibles feitos delictivos, principalmente na contorna do recinto de Lavandeiras e nas zonas de acampada.
Colaborarán tamén neste plan efectivos do Servizo Marítimo da Garda Civil, dada a proximidade das zonas de concertos e de acampada á ría de Viveiro, así como do Subsector de Tráfico da Garda Civil, que controlarán os accesos á localidade e ás inmediacións do recinto onde se celebra o festival, para velar pola fluidez do tráfico e para garantir a seguridade nas estradas.
Os membros da xunta de seguridade acordaron ademais manter unha vixianza especial mediante un traballo conxunto e coordinado dos distintos corpos policiais durante toda a época estival, na que Viveiro ve multiplicada a súa poboación, prestando especial atención á zona dos areais e á celebración doutras citas festivas destacadas.
EVOLUCIÓN DA DELINCUENCIA
Na xuntanza analizouse tamén a evolución da seguridade cidadá en Viveiro. Así, dos datos proporcionados pola Policía Nacional despréndese que a delincuencia rexistrou un notable descenso no que vai de ano no municipio, en relación ao mesmo período do ano anterior, baixando tanto os delitos contra o patrimonio como os delitos contra as persoas. En toda a anualidade, a Policía Nacional detivo no concello mariñao a 21 persoas (19 delas pola súa presunta implicación nalgún feito delictivo).
CHARLAS PARA ESCOLARES
O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá do traballo realizado en Viveiro ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co fin de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares.
Ao longo do actual curso, 2015-2016, impartíronse en centros educativos de Viveiro un total de 40 charlas, que trataron sobre o acoso escolar, os riscos de internet e as novas tecnoloxías, a violencia de xénero e os perigos do alcohol e as drogas.