O Tribunal Supremo ven de suspender cautelarmente a retirada do cadáver de Franco do “Valle de los Caídos”, atendendo reclamacións presentadas pola Familia e outros colectivos. E o tema non é precisamente preocupación que nos afecte aos españois que temos moitas outras cousas en que pensar.
Os que nacimos anos despois da Guerra Civil, tardamos moito tempo en saber que Franco non era o caudillo salvador da patria que se nos inculcou desde que nacemos, e moito máis en saber a realidade que nos rodeaba, a historia que se nos ocultou, a memoria que se nos roubou.
Co paso do tempo fomos coñecendo, entendendo, asumindo, progresando, democratizando, ata chegar ao momento no que nos parece que a democracia está asentada porque votamos libremente entre os que nos dan a elixir, e mesmo nos queren dar a entender que as cousas cambiaron tanto que, agora que os nomes dos que no 36 se alzaron van desaparecendo das rúas, os restos de Franco desaparecerán do Valle dos Caídos, para que non siga a ser un símbolo dun tempo dun país.
E sen embargo, a memoria de Franco non pode ser borrada na nosa historia, porque marcou aos millóns de habitantes deste país desde 1939 a 1975, e aínda despois. E resulta irrenunciable esa memoria, tendo en conta que de facto, naquela España dos anos 40, 50, 60… todos eramos franquistas voluntariamente ou á forza.
Que agora queiran botar a Franco do seu “Valle”, certamente parécenos unha pobre medida de cara á galería; noticia para o verán como a do monstro do Lago Ness, e desde logo de moita menos importancia ca a dos incendios forestais.
Temos moito en que pensar en Lugo, en Galicia e en España, sobre o paro e os postos de traballo, a creación ou peche de empresas, o futuro das pensións e o presente dos mozos…
Simbolicamente, sacar a Franco do “Valle”, está ben, pero é igual que sexa hoxe ca dentro de dez anos, porque se se pensa que ese feito pode consolar aos vencidos, resulta que ningunha medida mitigará unha traxedia como a vivida.
Franco é historia, coma os señores feudais, a Reconquista ou Atapuerca. A historia non pode modificarse… O único que se pode facer é traballar, para que a historia –en casos coma este- non se repita.