Lugo vestiuse de primavera este sábado grazas a unha iniciativa do Concello e a Asociación de Autónomas. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a presidenta da Asociación de Autónomas, Marta López, asistiron hoxe no Vello Cárcere aos actos enmarcados na iniciativa Lugo vístese de primavera. A este evento, que foi presenciado por numeroso público, tamén asistiron membros da Corporación Municipal.
Esta actividade, organizada polo Concello en colaboración coa Asociación de Autónomas de Lugo, ten a finalidade de reactivar o comercio lucense. Nela participaron ao redor dunhas noventa tendas da cidade. Tralo éxito da iniciativa de Comercio na rúa – Street Market, que se leva realizando dende fai uns anos, a entidade local puxo en marcha esta nova iniciativa, coa que se dinamiza o comercio de Lugo cun desfile de moda, un concerto e unha exposición.
No desfile de moda participaron unhas vinte tendas de Lugo e o concerto foi a cargo de En clave de fado. Tamén houbo unha zona infantil e sorteos. Con estas actividades tamén se quixo dar a coñecer o recinto do edificio do Vello Cárcere.