Os máis de 4.200 quilómetros da rede viaria provincial están totalmente despexados, sen dificultades para o tránsito, logo de que o Goberno da Deputación mantivese activo durante toda a fin de semana o plan de emerxencia con motivo do temporal.
Este dispositivo, composto por máis de 112 operación e 100 máquinas, atendeu 511 incidencias dende a tarde do xoves e ata o domingo. Foron tantas as emerxencias rexistradas, que os propios Concellos colaboraron coa Deputación, destinando os seus medios humanos e materiais.
A maioría das incidencias estiveron relacionadas coa caída de árbores, dándose casos como o da LU-P-0709, no Concello de Becerreá, na que caeron 22 pinos na vía; así como coa caída de ramas nos tendidos eléctricos, que deixaron sen luz a núcleos poboacionais; ademais de desprendementos de terra e neve na Montaña, con acumulacións de ata 15 centímetros.