Desde a asociación Si, hai saída, en relación coa noticia na que se da conta de como unha vítima de violencia de xénero tivo que ser axudada pola Policía Local de Lugo ante unha agresión da súa ex parella, cando acudía a recoller aos seus fillos ao colexio, pola imposibilidade tanto por parte da Policía Nacional como da Policía Autonómica de atender a chamada da vítima por non ter efectivos dispoñibles, queremos manifestar o seguinte:
Hai moito tempo que, desde o noso colectivo, estamos a alertar sobre a grave situación de desprotección que están a sufrir as vítimas de violencia de xénero na nosa cidade, e, porén, os seus fillos.
Non dubidamos da falta de efectivos, e ainda sendo esta certa, algo que, insistimos, non poñemos en tela de xuizo, a ninguén cun mínimo de sentido común se lle escapa a gravidade que isto implica para as mulleres que precisan protección, e da que deben ser informadas cando acuden a denunciar. Non se pode vender fume cando se fala de vidas.
“Venderlles” unha protección que despois non van ter é expoñelas a elas, e, en moitos casos, tamén as súas crianzas, a un dobre perigo, xa que están a mercé dun maltratador ainda mais agresivo por ter sido denunciado e que é coñecedor da súa indefensión.
Deben ser coñecedoras da protección real que se lles vai brindar, e, porén, do risco que poden correr. É o mínimo que merecen. Por outra banda, a falta de efectivos non é a única causa desta desprotección. Non son poucas as ocasións nas que os axentes designados para acompañar a unha vítima incumplen coa súa obriga, como está a suceder, por exemplo, no caso dunha usuaria da nosa asociación, e tamén do Punto do Encontro, para o cal se lle encomendou o seu acompañamento a Policía Autonómica, dado que ten unha orde de afastamento e, desde hai mais dun ano que se iniciou este suposto acompañamento por parte de dous axentes, a día de hoxe case non somos quen de contabilizar as veces que non se presentaron, sendo esta xa unha práctica habitual que non se molestan nin en disimular, acompañamento, por certo, que levamos a cabo desde Si, hai saída.
Son tamén frecuentes as veces nas que o acompañamento, tanto por parte da Policía Nacional como da Policía Autonómica é substuido por unha chamada telefónica, sendo considerable, ademais, o espazo entre unha e outra. Poden pasar semanas e mesmo meses. Esta situación, insistimos, non soamente non é nova, se non que se agravou nos últimos tempos, motivo polo cal, desde a nosa asociación tentamos repetidamente transmitirllo aos responsables de ambas Policías, sendo isto imposible.
Non soamente non se nos deu resposta algunha, se non que se optou por tentar menoscabar a nosa credibilidade, e acusarnos, mais ou menos veladamente, de faltar a verdade. Hoxe recollíase na devandita noticia a denuncia da falta de efectivos policiais por parte de asociacións veciñais e empresariais, lóxicamente na procura de minimizar os riscos en cada un dos seus respectivos eidos, pero, lamentablemente, unha vez mais se esquece aos que, desde hai moito tempo demandamos protección para salvar vidas.
Gustaríanos, xa para rematar, lembrarlles aos responsables de ambas Policías, Autonómica e Nacional, que matar ao mensaxeiro, ou tentar calalo, non é a solución, que Si, hai saída non é o inimigo, e que a nosa prioridade é que, tanto as mulleres vítimas de violencia de xénero como as súas crianzas teñan a protección que merecen e a que teñen todo o dereito, algo, cremos, que nos anos que levamos traballando, temos demostrado sobradamente.